Friday 17 de May de 2024

Feijóo sinala que a celebración o vindeiro ano do Xubileo Extraordinario da Misericordia contribuirá a revalidar o liderado de Galicia en peregrinos e crecemento de viaxeiros


Destaca que, ata outubro, Galicia leva superado o número de viaxeiros rexistrado en todo o 2014 e, con iso, é actualmente a Comunidade onde se ten producido un maior aumento ao longo deste ano

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que a celebración o vindeiro ano do Xubileo Extraordinario da Misericordia e a apertura da Porta Santa contribuirán a revalidar o liderado de Galicia en peregrinos e crecemento de viaxeiros. Así o manifestou no acto conmemorativo do X Aniversario do Hotel Monumento San Francisco, en Santiago de Compostela.

O titular da Xunta destacou que, ata outubro, Galicia leva superado o número de viaxeiros rexistrado en todo o 2014 e, con iso, é actualmente a Comunidade onde se ten producido un maior aumento ao longo deste ano. Ademais, indicou que o incremento de peregrinos en 2015 segue á alza, posto que os datos recollidos nos once primeiros meses do ano apuntan a unha suba do 10%, o que significa que máis de 260.000 persoas percorreron a ruta xacobea no que vai de 2015.

O mellor preámbulo do Ano Santo 2021
Por todo iso, Feijóo considerou que a vindeira cita que se celebrará no marco do Camiño, o Ano do Xubileo Extraordinario da Misericordia, será “o mellor preámbulo” do Ano Xubilar 2021, e o 2016 volverá ser un ano récord en termos turísticos. Para afrontalo, o presidente considerou imprescindible a participación do sector turístico galego no seu conxunto, tanto desde o ámbito público como desde o privado.

A Xunta, dixo, vai estar ao lado das empresas do sector e impulsado o labor das entidades turísticas de Galicia para acadar solucións creativas e innovadoras que convertan a Comunidade nun destino máis competitivo tanto a nivel nacional como internacional.
Revitalizar espazos emblemáticos
Sobre o Hotel Monumento San Francisco, salientou que se trata dun edificio declarado ben de Interese Cultural pola Unesco que soubo reenfocar a súa utilidade cara ao sector turístico para abrir ao público as súas singularidades arquitectónicas. Un establecemento, engadiu, que conxuga perfectamente a sobriedade do estilo franciscano coas facilidades e comodidades dun hotel do século XXI.

Os seus dez anos de actividade como un dos hoteis de referencia de Santiago, dixo, son a proba de que recuperar un dos edificios máis emblemáticos da cidade contribuíu non só a dotar de vida este inmoble, senón a achegar valor engadido ao casco histórico compostelán.

Nesta liña, referiuse ás últimas rehabilitacións que a Xunta leva acometido en edificios situados en zonas históricas de distintos concellos galegos co obxectivo de revitalizar espazos tradicionais de grande valor arquitectónico e patrimonial para que poidan albergar usos turísticos no seu interior.

Ao respecto, mencionou como exemplo a recuperación do Pazo Xelmírez, en Santiago, e a do edificio Carretas, que recentemente foi adecuado para albergar o Centro Internacional de Acollida ao Peregrino. E, tamén, a rehabilitación da Casa Pasarín na Fonsagrada, como centro de atención e albergue de peregrinos; ou o acondicionamento do albergue de Betanzos nun edificio de estilo barroco do século XVIII e catalogado no Plan especial de protección e ordenación do casco histórico do concello.